Sunday 05 de May de 2024

O concello saca a licitación o proxecto de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo


A intervención está valorada en 100.000 euros e dará continuidade a obras de simulares características realizadas noutras rúas da contorna.

O Concello sacou hoxe a licitación a execución do proxecto de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo, situada no núcleo urbano da Laracha. Os pregos que rexerán o procedemento están dispoñibles para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público.
A actuación deseñada polo Concello dará continuidade a outros proxectos de similares características realizados nos últimos anos en varias vías próximas como Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza.

Na rúa José Manuel Ferreira Penedo prevese renovar o pavimento da calzada, aumentar a seguridade viaria co marcado de novos pasos para peóns e establecer o sentido único de circulación, o que permitirá gañar espazo para ampliar a beirarrúa, habilitar máis aparcamentos -contemplándose a reserva de prazas para vehículos de persoas con mobilidade reducida- e crear áreas de descanso con mobiliario urbano.

Para beneficio xeral tanto da cidadanía como dos locais comerciais situados na zona, priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado nesta rúa eminentemente residencial e emprazada nun dos ámbitos con maior densidade de poboación do termo municipal da Laracha.

O proxecto está valorado en 100.000 euros a cofinanciar entre o Concello da Laracha e a Deputación da Coruña.